As comparacións poden ser odiosas, tamén coas máquinas
É ben coñecida a frase de que as comparacións son odiosas, pero o verdadeiramente odioso son as comparacións viciadas de partida. Póñolles un exemplo: discrepo da opinión xeneralizada de que os estudantes chegan á Universidade peor formados ano tras ano. Aínda que non teño máis probas que a miña experiencia, creo que esa percepción responde a que xulgamos os nosos estudantes actuais, mesmo os peores, comparándoos cos bos ou incluso cos mellores de antes. É coma se do pasado lembrásemos aqueles que sobresaíron—ten a súa lóxica—, pero do presente quedásemos cos máis atrasados nos seus estudios. Á inevitable distancia entre aqueles e estes chamámoslle decadencia das novas xeracións.
A psicoloxía estudou fenómenos deste tipo. Un estudo dos psicólogos John Protzko e Jonathan Schooler, da Universidade de California en Santa Bárbara, publicado na revista Science Advances en 2019, analizou, con case 3.500 adultos estadounidenses, esa tendencia a pensar que «a mocidade de hoxe en día» é, en xeral, menos capaz que a das xeracións........
