A ‘buta’, un motivo da arte persa na cultura galega
As formas han de ter patria como as linguas; ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe... Iso escribía Díaz Pardo xustificando o Significado e orixe da laboura restauradora de Sargadelos, (Cadernos de Formas de Galicia, n. 1. Edicións do Castro, Sada, 1971). Algo a ter en conta na era da imaxe. Teimando en que a orixinalidade radica nas orixes, fíos que conforman o inacabado tear da cultura: as tradicións, a creatividade e as relacións con outros pobos. A Galiza que abriu portos e encrucilladas, soubo levar e traer, dar e recibir formas, facelas súas.
E velaquí algo moi común en Galiza, un deseño, adorno, bordado, estampado en telas, na cerámica, repuxado en metal, labrado en madeiras, escaiolas... Referímonos a esa forma de ameba, folla, bágoa, ril, como un corazón, ancho, logo afiado e retorta na punta. Silueta que mesmo pode complementarse coa creatividade de cada quen, en liñas, cores, complementos... Chámase a buta o boteh, pouco coñecido por este seu nome persa, ario, iraniano. Sobranceiro motivo entre o xeometrismo decorativo dos cotizados tecidos e panos da cabra de Cachemira, logo levado á industria tear da escocesa cidade de Paisley, Renfrewshire, popularizándose en industrias de Marsella, Holanda, Inglaterra, Portugal e Galiza.
Buta ou boteh que significa distinguido, en relación co que agroma, coa labarada. De simbolismo asociado —dende tempos babilónicos e nunha ampla secuencia de dinastías— coa fecundidade, en relación coas follas verdes, cos froitos da Árbore da Vida; co agudo ciprés verde e erguido, aguilloando ao ceo, propicio a acoller o rechouchío dos paxaros. Árbores de raíces afundidas no misterio escuro da terra, erguidas e florecendo á luz: flores, froitos, febras para o tear.
Non faltan as diferentes e creativas lendas ao redor desta forma de bágoa. Algunha delas di que antes foi un príncipe namorado, convertido en ciprés do xardín da súa amada pola maxia dun seu contrincante pretendente. Ciprés triste, coa cabeza gacha,........
