Mercadona e o sindicalismo de escaparate: cando CCOO e UGT se converten en parte do problema
Levo anos como delegado da CIG dentro de Mercadona, e hai unha verdade que se repite convenio tras convenio, sentenza tras sentenza: nesta empresa, a liberdade sindical non se exerce; sobrevísese malia ela. E esa supervivencia sería moito máis difícil se non contásemos, ademais de coa dirección da empresa, coa connivencia de quen debería ser os nosos aliados naturais.
Dígoo con toda a claridade que merece: CCOO e UGT levan anos actuando en Mercadona non como contrapeso da empresa, senón como o seu instrumento de pacificación social.
Un modelo deseñado para a submisión
O «Modelo de Calidade Total» de Juan Roig non é un sistema de xestión da calidade. É un sistema de control. E todo sistema de control precisa dun sindicalismo que o lexitime desde dentro. Aí é onde entran as siglas maioritarias.
Mentres a CIG e outros sindicatos de clase denuncian a sobrecarga laboral, a xestión punitiva das baixas médicas ou a persecución de quen se organiza de xeito independente, CCOO e UGT asinan convenios que consolidan exactamente ese modelo: máxima flexibilidade horaria a cambio dunha paz social que só beneficia a conta de resultados da........
