menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Cancelamos a política?

10 0
21.02.2026

A Transición séguese deturpando. Sacrificárona pola ilusión da chamada nova política. O cambio non foi só cuestión de monarquía ou república, senón de toda unha xeración que, cun apoio cidadán insólito, decidiu andar xuntos o camiño que, logo dunha longa travesía, levaba á liberdade, á posibilidade de implantar políticas sociais na educación, na sanidade, no traballo e na cultura, de equilibrar as rendas, de darlles audiencia ás mulleres caladas, ás persoas diversas ata entón marxinadas, cando non reprimidas.

Foi o momento de reunirnos, alzar a voz, escribir e opinar, convertendo as ideas en algo tan palpable coma a Constitución e o Parlamento, os concellos democráticos, as autonomías e a incorporación a Europa e ao estado de benestar que nacera despois da Segunda Guerra Mundial.

Pois, ben, aquela xeración estivo onde había que estar naquela conxuntura, tendéndolles a man incluso aos herdeiros da defunta ditadura que decidiran transitar, entre os que salienta a figura de Adolfo Suárez. E, naquel proxecto de cambio social, Felipe González, guste máis ou menos, tivo moito que ver. A ideoloxía non foi o único motor do cambio, porque dereitas, centristas e esquerdas, nacionalistas e mesmo algúns oportunistas, buscaron unha razón en común. O rei protagonizou parte dese cambio, porque confiamos nel, aínda que logo nos defraudase.

Nestes cincuenta anos construíuse moita historia. Caeron Gobernos por enganos flagrantes ou por corrupción. Agora, a política é maltratada por sediciosos políticos que lle fan dano á sociedade cando exaltan a agresividade, metendo medo con exabruptos. Úsanse as palabras como dardos, envilecendo máis a quen as profire có destinatario. Lembremos a Walt Whitman: «Quen degrada a outro degrádame a min / canto se fai ou se di reverte en min».

Ese maltrato verbal e xestual —duns máis ca doutros, por certo— é insoportable. A socialdemocracia, tan necesaria para o progreso, está rompendo humanamente na controversia sobre o valor do pasado e o presente. A dereita abandonou o centro, o que hai á súa dereita é ferocidade, e a esquerda da esquerda compite por ver quen é máis radical, aínda que, cando goberna pragmaticamente, sabe impulsar medidas sociais transcendentais.

Os que aínda esperamos que a política poida garantir un crecemento equitativo e unha ética en común estamos perplexos. A política sen interlocución é inútil. Teremos que cancelala tamén? En Hispanoamérica, palabrear é falar para poñerse de acordo. Haberá que inventar outra palabra para designar o contrario, cando só se emite ruído.


© La Voz de Galicia