Adquiriu o Goberno de Netanyahu que está a dirixir a guerra de resposta (vinganza) e persecución, o dereito a non ser criticado? Os gobernantes israelís actúan como se así fose e algúns países parecen concederlle ese dereito. Un dereito que non existe pero que logran exercer. As actuacións de Israel nesta guerra logran estar, nalgúns dos principais países do mundo, fóra de toda crítica, mesmo se prohiben as manifestacións públicas contra a guerra ou en solidariedade coas vítimas gazatís, baixo a acusación de antisemitismo. O Estado de Israel logrou unha impunidade que lle está a permitir, con publicidade, sobordar todos os límites sen sanción. A que non teñen sequera as grandes potencias.

A historia, o seu uso e o seu abuso, explica este paradoxo. A inmensidade da culpa por acción e omisión respecto da monstruosidade do Holocausto, a Shoá, o crime cometido contra os identificados como xudeus, aínda que non quixeran selo. A débeda moral contraída por moitos países segue viva na obriga de memoria defendida por Habermas e aínda actúa no presente porque non foi posible rachar con aquel pasado e as súas responsabilidades. Porque non se pode e por vontade de lembralo, reproducilo, historizalo, convertelo en memoria viva e patrimonio moral.

Así naceu, en maio de 1948, o Estado de Israel, apoiado polas Nacións Unidas que venceron ao fascismo e ao nazismo, e así seguiu ate hoxe guerra tras guerra, ocupación tras ocupación. A pregunta, a mesma que nos fixemos tantas veces aquí, é se as culpas e responsabilidades dos pais pasan aos descendentes. A culpa calderoniana, atribuír aos fillos e netos as responsabilidades dos pais como parte dunha herdanza, é moi potente en España. Pero, somos responsables do que fixeran os nosos avós? Rachar con iso, laicizar esa relación de sangue, desposuíla de sentido relixioso, permitiu a chamada Transición, para ben ou para mal. Pasar a páxina do pasado, que a historia pase, é imposible no caso da Shoá. As vítimas adquiriron dereito por riba das xeracións e o sentido xudeu da historia acabou por impregnar a forma contemporánea de concibir o pasado. Tamén en 1948, o 10 decembro, hai 75 anos, a ONU estableceu a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Imprescindible lembralo.

Pódese e débese criticar ao Estado de Israel pola monstruosidade da guerra que fai, por non respectar as convencións internacionais nin os dereitos humanos, porque as súas accións están manchando a memoria do Holocausto. Porque non pode usar esa memoria para converter en infrahumanos a veciños doutra relixión, cultura e lingua, porque practican o apartheid, porque non respectan os mandatos da ONU. Porque non teñen piedade cos palestinos. Porque todo lembra demasiado ao que fixeron por primeira vez os golpistas españois e os seus colaboradores nazis e fascistas entre 1936 e 1939, os bombardeos de poboacións civís, o cerco por fame, os asasinatos masivos lonxe da fronte nunha guerra total. O tempo nos que os avós e bisavós dos dirixentes de Israel foron perseguidos e exterminados por ser quen eran.

QOSHE - Ten Israel dereito a non ser criticado? - Lourenzo Fernández Prieto
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Ten Israel dereito a non ser criticado?

4 0
12.12.2023

Adquiriu o Goberno de Netanyahu que está a dirixir a guerra de resposta (vinganza) e persecución, o dereito a non ser criticado? Os gobernantes israelís actúan como se así fose e algúns países parecen concederlle ese dereito. Un dereito que non existe pero que logran exercer. As actuacións de Israel nesta guerra logran estar, nalgúns dos principais países do mundo, fóra de toda crítica, mesmo se prohiben as manifestacións públicas contra a guerra ou en solidariedade coas vítimas gazatís, baixo a acusación de antisemitismo. O Estado de Israel logrou unha impunidade que lle está a permitir, con publicidade, sobordar todos os límites sen sanción. A que non teñen sequera as grandes potencias.

A historia, o seu uso e o seu abuso, explica este........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play