Para intentar rematar a guerra en Ucraína ou para lograr un alto o fogo en Gaza, que coñecementos son máis útiles? Na guerra, as ciencias experimentais e as técnicas serven para fabricar mellores armas, máis precisas, máis mortíferas, pero ofrecen pouca utilidade para rematalas ou para buscar solucións negociadas aos conflitos. Para procurar solucións de paz, o útil son os coñecementos históricos, culturais e xeográficos que son a base das relacións diplomáticas, xunto cos xurídicos e os antropolóxicos, que serven para entender as formas de organización das sociedades a través do dereito. Procurar solucións á guerra, evitala antes de que se produza ou buscar saídas para rematala esixe pór en común todo o coñecemento humano dispoñible.

O futuro xa non se presenta coa seguridade que coñeciamos, tampouco no primeiro mundo. As ciencias sociais que tanto axudaron ao benestar, a economía, a socioloxía, a politoloxía, a psicoloxía ou as da información, poden ser usadas a favor da paz ou a favor da guerra. Sabémolo. Que ciencias son máis útiles para evitar a guerra volveuse unha pregunta importante para tomar decisións estratéxicas.

Ata agosto de 1945 as ciencias máis útiles para as sociedades, as que daban superioridade a uns estados sobre outros, eran aquelas que contribuían ao esforzo bélico e á eliminación dos inimigos de forma mais eficaz. A guerra era unha solución frecuente e os Estados estaban preparados para o estado de guerra, construíanse con el. Na época moderna, a xeometría converteuse na ciencia da artillería e dende as guerras napoleónicas foi a raíña dos exércitos ata 1914. Na Grande Guerra, o seu lugar ocupárono a química e a enxeñería. Os avances da física das primeiras décadas do século XX converteron esta ciencia na estrela da Segunda Guerra Mundial e do Proxecto Manhattan que desenvolveu a bomba atómica. Dende entón, e a través da carreira espacial, a física seguiu a ser a estrela.

Nas guerras da idade contemporánea progresaron todas as ciencias, incluídas as biomédicas; salvar vidas de soldados, evitar baixas, converteuse nunha vantaxe comparativa en tempo de guerra. Paralelamente, en tempo de paz, as medidas euxenésicas e de saúde pública derivadas dos avances científicos eran aplicadas para favorecer unha maior e mellor dotación demográfica. Soldados para a seguinte guerra. Hai 75 anos, en 1948, coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, mudaron os tempos e o estado de benestar trunfou fronte ao estado de guerra. Así foi ata que co atentado das torres xemelgas todo comezou a mudar. Só nos protexe aínda a ameaza de destrución atómica asegurada.

Para saír de novo do estado de guerra, o mundo necesita ciencias humanas. A guerra que temos por diante é a ambiental. A COP23 de Dubai concluíu que estamos en transición ambiental e para iso debemos mobilizar todas as ciencias e as técnicas, facelas máis humanas, mesmo posthumanas, porque as solucións ambientais que se precisan atinxen a todos os seres vivos e ao planeta. O coñecemento ao servizo da supervivencia humana no planeta.

QOSHE - Necesidade de ciencias humanas - Lourenzo Fernández Prieto
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Necesidade de ciencias humanas

7 0
19.12.2023

Para intentar rematar a guerra en Ucraína ou para lograr un alto o fogo en Gaza, que coñecementos son máis útiles? Na guerra, as ciencias experimentais e as técnicas serven para fabricar mellores armas, máis precisas, máis mortíferas, pero ofrecen pouca utilidade para rematalas ou para buscar solucións negociadas aos conflitos. Para procurar solucións de paz, o útil son os coñecementos históricos, culturais e xeográficos que son a base das relacións diplomáticas, xunto cos xurídicos e os antropolóxicos, que serven para entender as formas de organización das sociedades a través do dereito. Procurar solucións á guerra, evitala antes de que se produza ou buscar saídas para rematala esixe pór en común todo o coñecemento humano dispoñible.

O........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play