Rematando o pasado ano 2023 finou con case cen anos Arno J. Mayer un dos historiadores que máis influíron á miña xeración. Moito menos coñecido e aclamado que Eric Hobsbawm, menos famoso e poderoso que Fernand Braudel, foi seguramente máis decisivo para todos os que nos dedicamos á historia, pola amplitude dos seus intereses, a claridade do seu método e pola ausencia consciente de dogmatismo. Dende a súa cátedra de Princeton aprendeunos a facer historia ata que finou. Era fillo dunha familia xudía de Luxemburgo que en 1940 fuxiu da invasión nazi. Nunha peripecia penosamente actual denegáronlles as visas para entrar na España filonazi de Franco e tamén no Marrocos da Casablanca que contou Michael Curtiz. Finalmente foron arrestados e sufriron prisión na Alxeria do Goberno francés colaboracionista con Alemaña, antes de lograr chegar a Estados Unidos en 1941.

A súa vida europea e as súas experiencias de fuxida e refuxio foron a chave da súa obra, destinada a intentar entender e explicar o mundo contemporáneo dende a Revolución Francesa ata o Holocausto. A súa última obra (Arados feitos espadas) explica, lonxe de calquera mística sionista, a creación do Estado de Israel no contexto posterior ao que denominou «Xudeocidio nazi». O seu método para facer historia resumiuno en catro regras simples e eternas: contextualización, historicismo, comparación e conceptualización. O seu historicismo non é lineal, senón pura periodización. Un mestre pouco coñecido en España, onde triunfa moito máis a ficción histórica, a invención novelada, que a historia escrita como resultado da investigación.

Abonda pasearse estes días polos anaqueis das librerías máis populares, en cadeas e centros comerciais, para descubrir a preferencia pola invención histórica que rehabilita imperios, reis tiránicos, aristócratas feudais, inquisidores fanáticos e ata ditaduras recentes. O asunto vén de lonxe, de finais do século pasado, pero ultimamente adquire proporcións preocupantes. Diríase que o trauma da historia propagandística que lemos na Enciclopedia Álvarez perdura, que hai vertixe a ler algo diferente do que aquela versión única ocultaba, visto o exitoso empeño dos propagandistas das versións franquistas da historia de España. Libros, series televisivas, discursos dalgúns políticos confirman que aquí case ninguén leu nin coñece a Arno Mayer.

A súa obra máis coñecida, a que o fixo famoso no mundo enteiro, é a do título deste artigo. Levando a contraria á maioría, explicou a Primeira Guerra Mundial e os conflitos e as crise dos trinta anos posteriores por mor da persistencia do Antigo Réxime que se cría derrotado dende a Revolución Francesa. A persistencia da aristocracia e os seus valores, de elementos feudais e poderes relixiosos, adquire relevancia na súa explicación da crise do século XX, contradicindo as ideas optimistas de progreso lineal. Boa lectura o seu libro de 1981 para o ano que empeza, no que o vello e o novo seguirán en conflito e onde como cidadáns poderemos decidir as nosas preferencias, entre o antigo réxime e un novo.

QOSHE - A persistencia do Antigo Réxime - Lourenzo Fernández Prieto
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

A persistencia do Antigo Réxime

13 8
02.01.2024

Rematando o pasado ano 2023 finou con case cen anos Arno J. Mayer un dos historiadores que máis influíron á miña xeración. Moito menos coñecido e aclamado que Eric Hobsbawm, menos famoso e poderoso que Fernand Braudel, foi seguramente máis decisivo para todos os que nos dedicamos á historia, pola amplitude dos seus intereses, a claridade do seu método e pola ausencia consciente de dogmatismo. Dende a súa cátedra de Princeton aprendeunos a facer historia ata que finou. Era fillo dunha familia xudía de Luxemburgo que en 1940 fuxiu da invasión nazi. Nunha peripecia penosamente actual denegáronlles as visas para entrar na España filonazi de Franco e tamén no Marrocos da Casablanca que contou Michael Curtiz. Finalmente foron arrestados e sufriron prisión na Alxeria........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play