O futuro das bibliotecas persoais
Andamos toda a vida a comprar, recibir e acumular libros, que ocupan moito espazo, o que nos obriga a facer de cando en vez unha sega para eliminar exemplares que xa non interesan ou que están destruídos pola omnipresente humidade galega. Pero seguimos gozando con esa biblioteca persoal, que se converteu en parte imprescindible da nosa vida, despois de moitos anos medrando e alimentando o interese pola lectura. E gústanos, ademais, ver os milleiros de tomos ordenados nos estantes, en distintas dependencias da casa, aínda que temos un recuncho preferido, no que nos deleitamos lendo, poñendo marcas e notas, ou folleando.
Hai vellos exemplares infantís e xuvenís, e libros de texto da escola ou do bacharelato que seguen a ser moi útiles para refrescar a base formativa. Tamén moitos volumes de literatura, consulta, divulgación e, por suposto, universitarios e profesionais. Ocupan un bo espazo os luxosos tomos editados polas Administracións públicas, entre os que destacan os artísticos e de turismo, as traducións de obras famosas ou os facsímiles. Non falta un curruncho para exemplares antigos, mesmo primeiras edicións, que herdamos ou conseguimos con arduas buscas, e que, ademais do seu interese cultural, son, nalgúns casos, bos investimentos. Teñen tamén o seu sitio coleccións de revistas, algunhas delas encadernadas, que traen recordos moi agradables de afeccións e periódicas lecturas profesionais.
Hai un lugar na biblioteca ata hai pouco moi importante, pero cada día máis abandonado, que é o dos libros de consulta. Xa non acudimos aos dicionarios lingüísticos ou temáticos, ou ás vellas enciclopedias, porque resulta máis rápido e actualizado facelo en internet. Os tradutores automáticos corrixen ao momento textos, e as excelentes páxinas web proporcionan profusa e recente información sobre calquera tema, algo impensable ata non hai moito tempo. As librerías de usado xa non queren nin regalados os dicionarios ou enciclopedias, das que non temos máis remedio que nos desfacer, sobre todo polo inestimable espazo que deixan libre.
Segundo estudos como o «Informe anual do libro dixital», ou «Hábitos de lectura y compra de libros», o libro físico está ameazado. Un 20 % do mercado editorial corresponde ao libro electrónico, consumido por un 31,7 % dos lectores. Este formato resulta máis versátil e barato, aínda que provoca fatiga visual e reduce a capacidade de concentración. Pero hai coincidencia en que o libro en papel segue a estar moi vivo, debido á cada vez maior desconexión dixital e ao seu gran valor sentimental e mesmo físico, pola atracción da súa estética, o tacto, o son das follas ou incluso o cheiro.
O futuro das bibliotecas persoais está, xa que logo, asegurado. Non serán tan voluminosas e conterán principalmente volumes dos distintos xéneros literarios, mentres que a consulta será exclusiva do ámbito virtual. Os nativos dixitais seguirán a mercar tamén libros en papel e a coleccionar edicións especiais, e continuará o culto ás obras antigas, facsímiles e exemplares de luxo, que serán cada vez de mellor calidade.
