menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

As prioridades

4 0
previous day

As palabras moitas veces sorprenden pola forza para agochar a realidade máis dura con conceptos brandos. Non hai como lle dar unha retórica solemne, cun ton case épico, para envolver algo tan escuro e discriminatorio como a prioridade nacional que vén de nacer do pacto de Estremadura. Esa etiqueta, case técnica, propón condicionar as axudas sociais e a vivenda pública ao chamado arraigamento, outra palabra tocada por unha amabilidade que convoca o sentimento de pertenza e familia. Esa nova proposta procura venderse como sentido común e aceptar como evidencia que primeiro teñen que ir os da casa. Faltaría máis! Como lle pasou a Sánchez con algunhas das peticións dos seus socios para manter o Goberno, veremos cantas rodas de muíño tragarán Feijoo e o seu partido para chegaren a acordos en moitas comunidades autónomas. O odio agáchase en eufemismos que insinúan que os servizos públicos se colapsan polos outros, non porque falte inversión, planificación ou vivenda. A culpa sempre é do que vén de fóra. Esa prioridade leva unha clara exclusión, por moito que haxa un verniz administrativo. O PP estremeño deféndese e di que non se fala de nacionalidades, pero o certo é que para ter ese arraigamento e acceder ás axudas vanse precisar anos de empadroamento, un longo historial laboral e redes familiares previas. Agora ben, Vox non anda con panos quentes e evita a maquillaxe. Os españois van diante, e punto. E é de agradecer esa sinceridade brutal que pon ás claras a súa visión exclusiva sobre quen ten dereito ao benestar que achega o Estado. Non lles importa a controversia xurídica nin que non se axuste á lexislación estatal, que lles recoñece dereitos sociais aos estranxeiros en condicións equiparables aos españois. O que en realidade lles interesa é a cuestión política, a consolidación dunha ideoloxía que, cada vez máis, cala en moita xente, disposta a apoiar un novo modelo de convivencia onde os outros queden fóra.


© La Voz de Galicia