O atrevido e polémico Gundisalvo Ferreira, que seica iba a sanear e facer funcionar o Concello -eso era o que dicía cando estaba na oposición-, a día de hoxe está amosando que de onde non hai ética nin partido, e todo se fundamenta nunha panda de colegas unidos pola comenencia, nada positivo se pode esperar. Se o apoio de milleiros de votos non se encamiña cara a defensa do común e a resolución dos moi graves problemas que ten dende hai anos o concello, moitos ourensáns decataranse de que perderon o tempo e a papeleta.

Ourense cidade vive un momento tristeiro e moi escuro. Nada funciona no Concello con normalidade. Nada cun mínimo de sentido común se espera do que poida facer esta xente que hoxe está no poder dunha institución que perdeu o creto diante máis da metade dos ourensáns.

Ourense comeza o ano 2024 sen afrontar ningún asunto serio dos que ten pendentes. Nunha conversa que tiven hai uns días cun directivo dunha asociación veciñal, o home daba por perdido todos os anos pasados dende que que foi alcalde Jesús Vázquez e sumáballe a ise tempo a penosa situación actual. Mais, pola contra, vendo a pasividade na que se encontraba a cidade, o meu interlocutor non se amosaba partidario de facer notas de prensa nin protestas, pois daba por feito que era un mal que había que aturar. Vamos, como se fose unha praga divina enviada coa aquiescencia de moitos ourensáns. No fondo daba a entender que canto máis mal mellor; esperando que co tempo escache todo e moitos votantes caian da burra e vexan a realidade existente da institución.

Nesa conversa tamén saiu á luz o que podería acontecer despois das eleccións de febreiro. E se o mentado alcalde acabaría este mandato. E como era de esperar, concluímos que todo dependerá do resultado das urnas.

O que imos sabendo, o despilfarro económico pagando soldos a colegas, comeza a ser vergoñento. Un funcionario local díxome que nese apartado íanse arriba dun millón moi longo de cartos públicos. A pregunta é: para que vale ise centro e outras caralladas de intelixencia artificial? Que aportou no tempo que leva funcionando? Que se saiba, nada de nada. Outra cuestión que resulta vergoñenta é o que cobra un funcionario que lle axuda a saber cales son as fisuras e recovecos da lei das administracións locais para saltala. Resulta penoso e mesmo insultante non fiarse dos técnicos municipais. Claro que, é mellor pagar unha nómina máis grande co que gaña o presidente do Goberno.

Todo isto acontece na cidade das Burgas. Todo este disparate pasa nunha urbe que comenza outro ano e deixa as claras que non hai mantemento e que todo funciona ó chou. Unha cidade onde non se repón unha árbore seca, e mira que as hai, cortadas polo pe. Un concello onde o rural está plenamente marxinado como se non existira. E se non que veña a Seixalbo a ver os buracos da rúa Penouzos que é unha das principais entradas o núcleo. Por certo, pista que está presupostada dende hai anos, mais que sigue á espera da man dun alcalde que lle comentou a un membro da comisión de festas que como nesa mesa non gañou as eleccións, non habería nada.

E como nesas andamos, o superlíder de DO, para aumentar a nómina do que se gasta en montar chiringuitos e unha administración paralela, nomea novo xefe desa intelixencia artificial. Supoño que o fará para que amenice as xornadas nun centro que, ate o momento, non se sabe para que vale. En fin, a cegueira de milleiros de ourensáns chama a atención tanto ou máis có silencio dos colectivos sociais desta cidade ida a menos. E cando desapareza o andazo, as consecuencias económicas pagarémolas todos. De pena.

QOSHE - Chiringuitos para dilapidar os cartos públicos - Manuel Herminio Iglesias
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Chiringuitos para dilapidar os cartos públicos

5 0
10.01.2024

O atrevido e polémico Gundisalvo Ferreira, que seica iba a sanear e facer funcionar o Concello -eso era o que dicía cando estaba na oposición-, a día de hoxe está amosando que de onde non hai ética nin partido, e todo se fundamenta nunha panda de colegas unidos pola comenencia, nada positivo se pode esperar. Se o apoio de milleiros de votos non se encamiña cara a defensa do común e a resolución dos moi graves problemas que ten dende hai anos o concello, moitos ourensáns decataranse de que perderon o tempo e a papeleta.

Ourense cidade vive un momento tristeiro e moi escuro. Nada funciona no Concello con normalidade. Nada cun mínimo de sentido común se espera do que poida facer esta xente que hoxe está no poder dunha institución que perdeu o creto diante máis da metade dos ourensáns.

Ourense comeza o ano 2024 sen afrontar ningún asunto serio dos que ten pendentes. Nunha conversa que........

© La Región


Get it on Google Play