Perfectino Viéitez, o home dos diamantes
Os datos previos son lacónicos, sen dilatadas referencias de hemeroteca, pero neles asenta o resto da súa vida e do carácter filantrópico co que conviviu, tanto na súa terra nativa -Xuvencos, Boborás, o Carballiño e Ourense- coma en Madrid e Barcelona onde non só ampliou a súa incontable riqueza, senón que tamén a gozou convertido nun membro máis da alta sociedade española ata o punto de codearse co propio Alfonso XIII.
Naceu na aldea de Xuvencos, no ano 1854, fillo do médico Andrés Viéitez, que ademais de exercer a medicina na comarca tamén atendeu a saúde dos emigrantes nalgunhas expedicións á Habana, como quedou rexistrado nun contrato de 1862 publicado na revista “Fronda” do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e polo que cobrou 4.680 reais.
Afeito a que o pai cruzase o océano, non é de estrañar que o fillo sentira azos polo “máis alá” e embarcou moi novo para Bos Aires onde disque seica se fixo millonario no complexo mercado internacional dos diamantes e das pedras preciosas que o leva de Arxentina a Lisboa e de aí a Amsterdam, denantes de asentar a residencia entre Barcelona e Madrid.
A primeira información relativa ó seu retorno á terra aparece en 1880 cando manda construír sobre as ruínas dun antigo pazo, a casa grande da Almuzara, situada no concello natal de Boborás e hoxe dedicada a turismo residencial. Levantada co fin de que se converterse no lugar de descanso para as estadías ourensás, estas comezan a seren recorrentes nos anos do cambio de século, momento a partir do cal empeza adquirir propiedades na capital........
