É un grave erro pensar que a democracia é tan recente como as nosas propias vidas. A actual democracia española naceu acompañada do adanismo dunhas elites que se fixeron maiores sen deixar de pensar que eles foran os primeiros demócratas. A parte de que ese erro, como a xuventude, cúrase co tempo, as xeracións sucesivas rebeláronselles contra esa idea. As disputas xeracionais, que foron politicamente tan relevantes na década pasada, son menos importantes que o erro de pensar que os cidadáns son uns electores recén chegados á política con pouca experiencia democrática acumulada. Sen cultura democrática nin electoral. A diferenza das elites políticas, claro está.

A experiencia da cultura política pluripartidista liberal remóntase ás Cortes de Cádiz. Non me refiro á capacidade dos deputados para facer a Constitución de 1812, porque seguiríamos falando das elites, falo da experiencia dos electores elixindo a eses deputados para que os representasen en Cádiz, o que implicaba a escolla de compromisarios en sucesivas asembleas de electores, que comezaban na parroquia e remataban na capital da antiga provincia, para escoller os seus representantes políticos. Sucedéronse despois eleccións de voto restrinxido ata que en 1868 volveuse ao sufraxio universal masculino, xa só interrompido durante dez anos máis oito, ata o golpe militar dos anos trinta. Hoxe en día vimos desa longa historia electoral, non só da outra de ditadura.

O voto é secreto, como garantía de liberdade de escolla, pero pódese dicir, mesmo que se explique abertamente a preferencia electoral por parte dos cidadáns é unha recoñecida proba de democracia segura. Á vez o sistema de votación garante o anonimato. Que o voto non se pode dicir —emulando o segredo de confesión dos cregos— foi a fórmula que empregaron os xestores de votos do final da ditadura para cementar o voto á UCD. A falta de debate e contraste público foi a chave do seu éxito. As de 1977 non pasarán á historia como as eleccións máis libres, senón todo o contrario. Choveu moito, pero a recomendación de agochar o sentido do voto, de evitar a súa expresión pública, mantívose en parte, como unha incrustación da ditadura na nosa cultura democrática.

O voto do medo, fronte ao da proposta, pode funcionar ou non. Os electores votan do mesmo xeito que os seus devanceiros mercaron na feira ou venderon no mercado no último milenio. Queren ofertas, non evasivas ou negacións. Sabemos que moito pan para hoxe pode ser fame para mañá, desconfiamos de quen ata os cans con longaínza e, sobre todo, temos certo que gaiteiro pago non toca ben.

Un principio básico da democracia é que nunhas eleccións libres os votantes nunca se equivocan; non o fan cando escollen solucións diametralmente contrarias ás nosas, nin sequera cando escollen opcións que cuestionan elementos da propia democracia. Isto é máis difícil de admitir, pero esa é a grandeza da voz electoral popular expresada libremente nas urnas. Os representantes só teñen que estar á altura desta premisa e das demandas dos seus electores.

QOSHE - Historia de democracia en Galicia - Lourenzo Fernández Prieto
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Historia de democracia en Galicia

3 0
13.02.2024

É un grave erro pensar que a democracia é tan recente como as nosas propias vidas. A actual democracia española naceu acompañada do adanismo dunhas elites que se fixeron maiores sen deixar de pensar que eles foran os primeiros demócratas. A parte de que ese erro, como a xuventude, cúrase co tempo, as xeracións sucesivas rebeláronselles contra esa idea. As disputas xeracionais, que foron politicamente tan relevantes na década pasada, son menos importantes que o erro de pensar que os cidadáns son uns electores recén chegados á política con pouca experiencia democrática acumulada. Sen cultura democrática nin electoral. A diferenza das elites políticas, claro está.

A experiencia da cultura política pluripartidista liberal remóntase ás Cortes de........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play