Os estudos celtas e o celtismo
Frontal do Castro de Formigueiros, Amoeiro. / Felipe Senén
Despois do golpe franquista e da guerra moitas ilusións galeguistas que abondaban na dignidade da cultura e na economía, botáronse a perder, tal como o Seminario de Estudos Galegos, nacido no 1923, que tanto significaba arredor das pescudas desas orixes nas que radica a orixinalidade do pobo galego. Parte «espiritual» que poñían na chamada cultura celta, así como na singular cristiandade priscilianista, franciscanista. Non era para menos no Confín dos verdes castros, de tesouros e lendas dos mouros de festas arredor dos Catro Elementos... así como de cruceiros, ermidas, romarías, mosteiros, grandiosas catedrais, e todo baixo a aura dun europeísmo que se quería consolidar.
Remitímonos á militancia panceltista de Phileas Lebesgue, da Picardia gala, editor de Le Mercure de France, polígrafo, coñecido como o novo Gran druída dos celtas galos, contaxiando saudades por paraísos perdidos, esperando por nun novo Arturo, buscando coincidencias «celtas», coincidindo co exquisito círculo amarantino de Teixeira de Pascoaes, así como no núcleo ourensán, no que Vicente Risco era motor de ideas, creador de confrarías, irmandades, seminarios... a furar na dialéctica, entre anxos e demos. Tras deste sentir estaban as teimas e as pescudas arqueolóxicas do tamén ourensán, Florentino López Cuevillas (1886-1958), fundamental no galeguismo intelectual que distinguiu á Xeración Nós (plural e distinguido), como ao Seminario de Estudos Galegos, con Risco, Otero Pedrayo, Castelao... relacionado coa investigación europea, especialista nos vencellos coas illas británicas. No 1953 autor dunha obra referente, reeditada no 1983 cun clarificador prólogo do arqueólogo e profesor José Manuel Gómez Tabanera, La civilización céltica en Galicia, ano da primeira edición coincidente co III Congreso Nacional de Aqueología, cando se tenta escamotear o celtismo de base romántica e modernista e no que radicarán asociacións, ligas célticas galegas, leonesas, asturianas, cántabras...
Frontal do Castro de Formigueiros, Amoeiro. /........
