Alpedrete é un pequeno pobo de montaña, na serra de Madrid, que nos invernos quedaba semioculto pola neve e durante moitos anos viviu das canteiras de granito. Xa non neva nin se explotan as canteiras, e do casco antigo só queda a igrexa fortificada do século XIII. A algúns veciños de Madrid, entre eles varios famosos, pareceulles un retiro axeitado para as fins de semana e ergueron espléndidos chalés; e outros como a familia Rabal Balaguer fixaron a súa residencia.

Eu vou moito a Alpedrete porque alí teño os fillos e as netas, e sempre boto unha parola co busto de bronce de Paco Rabal, na praza que desde o ano 2001 leva o seu nome. Nesa praza está tamén a Casa da Cultura, que en 2015 pasou a chamarse Asunción Balaguer. Todo semellaba perfecto e os gobernos municipais, sempre do PP, apoiaron o protagonismo de dous veciños que levaron o nome de Alpedrete polo mundo. Pero o actual, de coalición PP?Vox, aprobou con trámite de urxencia a retirada das placas de Francisco Rabal e Asunción Balaguer e en 24 horas sustituíronas polas de Praza de España e Casa de la Cultura Las Canteras.

Pregúntome canto odio tivo gardado nas tripas este alcalde do PP, que non ousou tomar a iniciativa ata que o fixo por el a concelleira de Cultura, de Vox; e cando os fillos de Paco e Asunción lle pregaron que non cometese semellante agravio contra dúas persoas que o pobo quere, respondeulles que a decisión aínda non era firme, e xa tiñan feitas as novas placas. A presidenta do PP de Águilas, a vila onde naceu Paco Rabal, pediulle que non dese o paso, pero foi inútil. O mellor é a xustificación: «En ningún caso han sido significaciones políticas las que han ocasionado el cambio, que se enmarca en la celebración de los 184 años de historia de Alpedrete como municipio independiente segregado de Collado Villalba». Home, claro! Como non celebrar unha data tan redonda como a dos 184 anos de historia?

Ao revés do alcalde, Paco e Asunción non eran nada sectarios e tiñan relacións cordialísimas con xente de dereitas como José María Ruiz Gallardón, que deu sangue a Paco cando tivo o accidente de tráfico en 1963, no que feriu o rostro; co seu paisano Armando Muñoz Calero, médico na División Azul; ou con José María Pemán, a quen dedicou un soneto no centenario do seu nacemento, que empezaba: «Yo le quise a Pemán por liberal, / por su oratoria ágil, su escritura, / por su enorme bondad, por su ternura». E remataba: «Pues siendo yo de izquierdas, ‘‘un demonio’’, / él me abrazó rabioso y solidario».

Pemán si, pero o alcalde de Alpedrete, caguetas, mentirán e sectario, non.

QOSHE - Paco, Asunción e o alcalde de Alpedrete - Siro
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Paco, Asunción e o alcalde de Alpedrete

45 17
11.05.2024

Alpedrete é un pequeno pobo de montaña, na serra de Madrid, que nos invernos quedaba semioculto pola neve e durante moitos anos viviu das canteiras de granito. Xa non neva nin se explotan as canteiras, e do casco antigo só queda a igrexa fortificada do século XIII. A algúns veciños de Madrid, entre eles varios famosos, pareceulles un retiro axeitado para as fins de semana e ergueron espléndidos chalés; e outros como a familia Rabal Balaguer fixaron a súa residencia.

Eu vou moito a Alpedrete porque alí teño os fillos e as netas, e sempre boto unha parola co busto de bronce de Paco Rabal, na praza que desde o ano 2001 leva o seu nome. Nesa........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play