O novo mundo e as súas colas |
Se un viaxa desde o vello mundo ao novo ten que ir preparado para facer cola.
Baixas do avión e atópaste cunha longa ringleira de persoas de todas as nacionalidades prestas a cederlle á Administración norteamericana a súa pegada dactilar e os seus datos biométricos faciais.
Dúas horas despois, no país dos automóbiles, para saír do aeroporto agardas outra hora na fila dos taxis de parada ou na dos que se piden por internet. Leva outra hora chegar ao final da cola do rexistro do hotel para, xunto con impostos varios, pagar un depósito polos mobles da habitación que poderías escachar ata que comproben que non os escachaches.
O Fondo Monetario Internacional (FMI) é a organización financeira da Organización de Nacións Unidas (ONU) e, ao igual que o Banco Mundial, ten a súa sede en Washington. Concibidos a finais de 1944 na Conferencia de Bretton Woods (unha pequena vila de Nova Hampshire), e constituídos por 29 países pouco despois de finalizar a Segunda Guerra Mundial, foron ideados, entre outros, por Keynes para reconstruír o sistema monetario internacional e garantir na paz un crecemento económico equilibrado. Posibilitaron a estabilidade do sistema cambiario e do comercio internacional, ata que Nixon nos anos setenta (outra guerra, a de Vietnam) aboliu a convertibilidade en ouro do dólar. Ambas as institucións, que hoxe asocian a 190 Estados, e superadas polo crecemento exponencial dos movementos internacionais de capital sen restricións, prestan asistencia financeira a países en desenvolvemento (o banco) ou axudan a conseguir financiamento para os países que, estando en dificultades, aceptan as súas (ás veces, controvertidas) recomendacións de política económica (o fondo).
Para entrar no FMI e no Banco Mundial, aínda que sexa para asistir ao Foro Parlamentario Global por eles organizado, tamén hai que facer cola. Coa peculiaridade de que (asombra ir tan lonxe para isto), se algún parlamentario non está ben acreditado, na porta recoméndanlle que avise a un amigo que traballe no FMI para axilizar a súa entrada. Hai que facer cola para preguntar nas sesións, que case nunca se contestan salvo con exemplos (ao de Camerún, o ben que o fan en Zimbabue, ou viceversa), de xeito que, ás veces, semella estar nunha especie de democratic washing do traballo dos técnicos da casa.
Iso si, os almorzos demostran que é posible deseñar un único menú (a base de moita cenoria, arroz branco ou tofu) compatible con todas as crenzas e hábitos alimenticios mundiais, o que facilita que haxa unha única cola no bufete.
Tantas horas de reunión, e tantas colas, para concluír que a evolución da economía mundial vai depender do que dure a guerra en Oriente Próximo; e que os países con economías menos endebedadas o teñen mellor cás empeñadas para saír ben do que nun futuro poida pasar.
Precisamente en 1945, Julio Camba (non hai tema que Camba non abordase), sinalaba (no seu libro de recompilación de artigos Etc. etc.) que «nadie sabe si esta es la época de las colas o si es, más bien, la cola de una época». Aquela era a dunha nova época na que institucións como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial garantirían o crecemento económico e a estabilidade financeira mundial.
As colas do novo mundo son, como agoiraba Camba, as dunha época xa esgotada na que só queda aliñarse na nova orde que se vai encargar de todos nós. Pero sen idealistas como Keynes á cabeza.