Foi o Día do Pai e non quero escribir isto. Non quero falar desas dúas nenas que foron intoxicadas. Non quero lembrar a Tomás Gimeno, David Oubel ou José Bretón. Todos cometeron auténticas atrocidades. Levaron por diante a vida dos pequenos só por facer dano ás que foran as súas parellas. Non é ningunha xustificación, tan só a razón que os moveu a realizar tales feitos. Que realmente é unha sen-razón.

A este tipo de violencia denomínaselle vicaria. Defínese así a instrumentalízanse dos fillos co obxecto de maltratar e facer dano ás nais.

Non dubido que un pai quere tanto a un fillo como unha nai. O problema non está aí, senón en ser un maltratador. E como tal, non vai reparar en danos. Vai incrementando o dano a dor e a obsesión ata límites insospeitados. Algúns deles chegan a matar, asasinar. Si, a esa persoa coa que compartiron a vida e ata aos cativos a quen lla deron. Inconcibible, mais real. O odio visceral funciona así.

Ten que producirse un cortocircuíto ben gordo dentro desas mentes dementes. Quizais sexa intermitente, pois algúns deles acaban por quitar tamén a vida propia, pero despois de perpetrar o asasinato. Quen pode soportar cometer un acto así? Os monstros.

O malo destes monstros é que non funcionan coma os que, de pequenos, pensamos que viven baixo a cama. Pechamos os ollos e desaparecen. Neste caso, por moito que apertemos as pálpebras, seguen aí cando as abrimos. Xamais se van, sempre ao axexo.

Oxalá non ter que escribir isto nunca máis.

Non quero escribir isto

Non quero escribir isto

Foi o Día do Pai e non quero escribir isto. Non quero falar desas dúas nenas que foron intoxicadas. Non quero lembrar a Tomás Gimeno, David Oubel ou José Bretón. Todos cometeron auténticas atrocidades. Levaron por diante a vida dos pequenos só por facer dano ás que foran as súas parellas. Non é ningunha xustificación, tan só a razón que os moveu a realizar tales feitos.........

© La Voz de Galicia