menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

Non hai guerra?

11 0
08.04.2026

Abrín a páxina de información por inercia. Pensei que me trabucara ao pinchar a ligazón. Non aparecía a guerra en primeiro plano.

Non son tan ilusa para crer que desaparecera. Continúa aí, latexando ao fondo, como un ruído constante que xa forma parte da paisaxe. Pero non estaba na portada, non me saltou enriba á primeira. E, sen poder evitalo, agradecín ese pequeno respiro.

Creo que ás veces ata esquecemos o que pesa todo iso.

Poñer a televisión na casa converteuse nun exercicio de cálculo. Non tanto polo que queremos saber nós, senón polo que poden escoitar elas, as nenas. As palabras repítense: bombardeos, ataques, vítimas. Tentamos baixar o volume, cambiar de canle, disfrazar a realidade... pero non chega. O peor é que queda dentro, como un eco persistente, coma se os bombardeos acabasen soando tamén na cabeza.

E iso cansa. É máis, derrota.

Os medios teñen un poder inmenso. Por suposto, son necesarios e imprescindibles, pois sen información estamos perdidos. Pero non hai nada inocuo, nin inocente. Tamén constrúen o ton co que habitamos o mundo, un ton que pode volverse irrespirable.

Por iso agradecín non atopar a guerra en primeiro plano; non porque non importe, senón porque tamén precisamos lembrar que hai outras cousas, incluso boas! Existen historias que non rompen, senón que reconstrúen. Son esas novas que non fan ruído, non abren telexornais nin xeran urxencias, pero sosteñen algo moito máis importante: a esperanza.

E, tal e como están as cousas, iso tamén debera ser noticia.


© La Voz de Galicia