Así se decidirán as eleccións galegas do vindeiro día 18 de febreiro das que sairá un presidente de Galicia elixido polo Parlamento. Por primeira vez na súa historia a autonomía galega ten a opción certa de ser presidido por unha muller. O resultado dependerá, segundo todos os indicios, dunhas presadas de votos que decidirán o último dos deputados de cada provincia. Eses catro escanos que daban maioría absoluta folgada ao PP dende 2009, agora poden ir a un BNG en ascenso sostido, a un PSdeG en franca recuperación, a Sumar pelexando por deputados na Coruña e Pontevedra ou ao alcalde que puxo en Ourense o PP.

Nestes tempos as sondaxes electorais atinan pouco pero todas marcan a mesma tendencia, en especial a do Centro de Investigacións Sociolóxicas, feita con 11.000 entrevistas, catro veces máis que calquera outra, e que nas últimas eleccións xerais foi a máis aproximada ao resultado real. Os datos que ofrece coinciden co que un observador atento e non demasiado parcial da realidade pode concluír. Que Ana Pontón é moi coñecida, ben considerada e xera pouco rexeitamento nos votantes, que Alfonso Rueda —que nunca foi candidato— é menos coñecido, menos transversalmente considerado e xera máis desconfianza. Pouca novidade, era un risco substituír a Feijoo. Gómez Besteiro é menos coñecido, resulta bastante ben considerado e ergue pouco rexeitamento, igual que Marta Lois nunha escala máis baixa.

Na mesma liña dos líderes están os partidos. O PP é unha grande maquinaria con moito arraigo que se ve ameazada e á que se lle distinguen as tensións. Ao BNG apréciaselle como lle medra o entusiasmo nunha ampla contorna, amparado polas enquisas e unha dirección con boa man. O PSdeG está subindo e máis axudado que nunca antes polo Goberno central. Sumar dependerá da capacidade de Yolanda Díaz para estender o resultado das xerais. O resto, agás a sorpresiva Democracia Ourensana son rémoras para os irmáns maiores.

A estas alturas, a conclusión dos inquéritos e da lectura histórica da conxuntura, é que a maioría quere cambio despois de 14 anos de Goberno dos mesmos; son moitos anos, a inercia é mala conselleira e o desgaste nunca se percibe ata que xa é tarde. O segundo dato é que Pontón parece protagonizar ese cambio máis ou menos acompañada doutros. Pero, para que se dea o cambio nas vindeiras eleccións ten que darse a condición que expresou Pedro Sánchez: unha grande mobilización dos votantes. A forza do PP en Galicia consistía en facer pensar que o cambio de Goberno era imposible e iso xa non o pensa ninguén nin sequera no PP, a non ser quen sigan atados ao roteiro marcado en decembro. Pasa moitas veces en política: os que se perden porque aínda que mude o marco non teñen a capacidade nin a intelixencia para mudar o roteiro.

Falan moitos de que hai partido, pero isto non é fútbol, é ciclismo, remo ou natación. O resultado dependerá de quen pedalee, vogue e nade con todas as forzas ata o último minuto antes do peche dos colexios electorais. En canto se abran saberemos o resultado.

Un cambio por unha presada de votos

Un cambio por unha presada de votos

Así se decidirán as eleccións galegas do vindeiro día 18 de febreiro das que sairá un presidente de Galicia elixido polo Parlamento. Por primeira vez na súa historia a autonomía galega ten a opción certa de ser presidido por unha muller. O resultado dependerá, segundo todos os indicios, dunhas presadas de votos que decidirán o último dos deputados de cada provincia. Eses catro escanos que daban maioría absoluta folgada ao PP dende 2009, agora poden ir a un BNG en ascenso sostido, a un PSdeG en franca recuperación, a Sumar pelexando por deputados na Coruña e Pontevedra ou ao alcalde que puxo en Ourense o PP.

Nestes tempos as sondaxes electorais atinan pouco pero todas marcan a mesma tendencia, en especial a do Centro de........

© La Voz de Galicia