Quixera non ter que falar do Concello e do que nel acontece. Quixera poder falar das cousas positivas que hai na sociedade ourensá. Mais, ou é que estou cego, ou non sei, pero vexo diante min unha sociedade anestesiada e dormida. Véxoa conformista, pouco rebelde, “apapaostiada”, e percíboa sen metas que perseguir, sen obxectivos que acadar, sen proxectos de futuro e soportando novas que semellan estar escritas para a prensa rosa. Pode que estea errado, mais coido que non. A vida moderna, a que temos hoxe, estanos convertendo e tratando como se foramos xoguetes manexados por tantas novas que semellan trapalladas que saen cada día á luz e nas redes sociais. Ensimismados diante tanta tecnoloxía estamos a converternos en papanatas e non sabemos distinguir o grao da palla, o verdadeiro do mintireiro, o importante do banal.

Hai uns días os medios anunciaban que os casamentos no Concello soamente os faría o alcalde. E digo eu, é tan importante o dos casamentos como para ser unha nova a salientar? Acaso vai mellorar a vida dos ourensáns que case un ou que case outro dos nosos representantes no Concello? Penso que non. Se acaso van aumentar os achegamentos e as parellas de feito, pois que te case quen non queres semella unha broma de mal gusto, unha cousa pouco sería e fiable. Semella que unha voda é pouco menos que unha carallada.

En Ourense levamos dende o alcalde Jesús Vázquez moitos anos perdendo o tempo en trangalladas. O nivel da democracia nesa institución está ó ras do chan. Levamos moito tempo conformándonos con festas e charangadas que algúns ate lle chaman actividades culturais. Mais de cultura, nada de nada. Se acaso, esas festas actúan como se fosen relaxantes que axudan a que vivamos máis tempo anestesiados e non vexamos a realidade do que temos e soportamos. Puro divertimento sen outro obxectivo que andar de troula escoitando o decibelio festivo. E o primeiro é que o inquilino que ocupa a cadeira de mando, por desazón e comenencia dos populares, e tamén pola cerrazón dos demais grupos, sigue dando mamporros na institución desta moi nobre cidade e lanzando novas de cor rosa para ser noticia nos medios.

Eu non sei cando esa maioría dos ourensáns despertará para fuxir deste mal soño.

Con todo o que leva chovido, resulta que dos problemas máis grandes que ten a cidade das Burgas non se fala. E fálase de quen casa e oficia unha voda civil.

A ansia de protagonismo non ten límites. Eu non sei se detrás desa cortina de fumo, desa faciana de duro, se agocha algunha frustración ou o que pode acontecer nesa cacholiña. Porque mira que non hai cousas que esperan solución nesta cidade e xa ninguén as reclama. Mira que non hai problemas que arranxar, mentres falamos de asuntos que carecen de importancia.

Ourense e os ourensáns vivimos un tanto anestesiados. Vivimos aparvados pois só protestamos no bar, viaxando nos incómodos autobuses que mercou o Concello, ou nas conversas familiares. Mais non somos capaces de amosar esas faladurías nunha mensaxe pública que exteriorice o que se di case sempre marmurando.

Que pena me da este Ourense e algunha das súas forzas políticas. Que pena vivir nunha cidade que mira ó futuro cunha pasividade enfermiza que da noxo.

O banal é noticia mentres o Concello camiña cara un endebedamento que arrepía, cara o seu desprestixio institucional. E todo eso avalado polo silencio cómplice dos populares e unha oposición que se conforma cunha protesta nos plenos, cunha nota de prensa pero que renunciou hai tempo a mover a xente, ou a facerse valer en Compostela explicando que o caso de Ourense é un asunto especial que merece solucións especiais. En fin, vivimos nunha sociedade anestesiada e todos temos un chisco de culpa.

QOSHE - Ourense: unha sociedade anestesiada - Manuel Herminio Iglesias
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Ourense: unha sociedade anestesiada

4 1
20.03.2024

Quixera non ter que falar do Concello e do que nel acontece. Quixera poder falar das cousas positivas que hai na sociedade ourensá. Mais, ou é que estou cego, ou non sei, pero vexo diante min unha sociedade anestesiada e dormida. Véxoa conformista, pouco rebelde, “apapaostiada”, e percíboa sen metas que perseguir, sen obxectivos que acadar, sen proxectos de futuro e soportando novas que semellan estar escritas para a prensa rosa. Pode que estea errado, mais coido que non. A vida moderna, a que temos hoxe, estanos convertendo e tratando como se foramos xoguetes manexados por tantas novas que semellan trapalladas que saen cada día á luz e nas redes sociais. Ensimismados diante tanta tecnoloxía estamos a converternos en papanatas e non sabemos distinguir o grao da palla, o verdadeiro do mintireiro, o importante do banal.

Hai uns días os medios anunciaban que os casamentos no Concello soamente os faría o alcalde. E digo........

© La Región


Get it on Google Play