menu_open Columnists
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close

O quinto tripulante á Lúa

14 0
yesterday

O 1 de abril Artemis II emprendeu a súa viaxe á Lúa. Ida e volta, esta vez sen parada. Desde o Apolo 11 ao Apolo 17 foron dez as persoas que puxeron os seus pés sobre a superficie lunar. En todo caso, máis de cinco décadas despois, estes catro astronautas poderán contemplar partes antes nunca vistas na cara oculta da Lúa. Ese lado do noso satélite que non se nos amosa pola súa conta, de xeito que hai que ir velo pola nosa conta e risco.

A bordo ía outro tripulante, o quinto, como lle chamaron algúns medios de comunicación nos Estados Unidos; trátase da IA. Non deixa de ser unha proeza maiúscula percorrer os 400.000 km que aproximadamente nos separan do noso satélite. Porén, hoxe xa non me sorprende tanto, non só por terse feito antes, hai 54 anos, senón por se ter feito daquela con menos capacidade de cómputo a bordo que a que ten unha Roomba.

Obviamente, a sofisticación da tecnoloxía empregada nesta nova viaxe á Lúa é incomparable coa dispoñible cando o 25 de maio de 1961 John F. Kennedy propuxo no seu discurso ante o Congreso dos EEUU chegar á Lúa antes de que rematase a década. Un ano máis tarde, o 12 de setembro de 1962, dixo na Universidade Rice, en Houston: «Decidimos ir á Lúa nesta década e levar a cabo o resto de proxectos, non porque sexan fáciles, senón precisamente porque son difíciles». Unha frase que resultou case tan icónica coma a pronunciada por Neil Armstrong ao pisar o po da superficie lunar, o 20 de xullo de 1969: «É un pequeno paso para un home, pero un gran salto para a humanidade».

Por certo, o custo do programa Apolo entre 1960 e 1973 estímase nuns 25.400 millóns de dólares da época. Hoxe, axustando esta cantidade á inflación e en relación co PIB do país, poderiamos falar dunha cifra algo superior aos 600.000 millóns de dólares. Pode parecernos estratosférica —nunca mellor dito—, pero é semellante ao investimento en IA que este ano farán conxuntamente catro dos xigantes tecnolóxicos norteamericanos: Amazon, Alphabet —matriz de Google—, Meta e Microsoft. Que queren que lles diga, pasamos da exploración lunar a un comportamento de lunáticos.

Sen dúbida, a IA é unha das protagonistas indiscutibles deste regreso á Lúa. Non o puido ser nas misións Apolo, debido ao escaso desenvolvemento científico-tecnolóxico que daquela tiña esta disciplina. Non traballo para a NASA e, aínda que así fose, non sabería toda a verdade sobre as tecnoloxías intelixentes implicadas en Artemis II, pero non teño dúbidas de que a IA está omnipresente nesta ocasión: encárgase da navegación da nave tomando como referencia a disposición dos obxectos no espazo, ao non servir o GPS a esas alturas —volvemos á navegación pretecnolóxica, pero substituíndo o ollo humano por cámaras de altísima resolución e sofisticados algoritmos—; tamén está en mans da IA o deseño de traxectorias e a detección e resposta a incidencias de todo tipo, incluído o posible aborto da operación antes do lanzamento; e encárgase da monitorización continua de milleiros e milleiros de sinais procedentes de sensores que analizan desde as constantes vitais da tripulación ata as dese «quinto tripulante» que controla a nave e a operación no seu conxunto. Non é só saber en todo momento o que ocorre, senón ter a capacidade de actuar cando non todo vai ben ou segundo o esperado.

Nada nesta misión se deixa ao azar; por iso, case todo debe facelo a IA ou debe facerse tendo en conta o seu criterio.


© La Opinión A Coruña