Feliz día de Galicia!
Teñan vostedes boa xornada! Queridos e queridas, hoxe é o día de Galicia. E aínda que xa saben que eu son máis dos días de diario, non podo escribir este artigo sen centrarme na data na que estamos, coa mirada posta nos retos e nas oportunidades para esta comunidade, tratando de non perder a perspectiva e falando do que importa: das persoas, dos afectos e da nosa capacidade para saírmos adiante xuntos...
Porque unha cousa está para min clara, aínda que ás veces se esqueza... Un país non se constrúe desde os despachos nin desde o sempre cobizado exercicio da gobernación, senón fundamentalmente desde o día a día, desde o cotiá. O outro, o máis institucional, pode levar facilmente ao traste os esforzos dun país enteiro se se fai mal, pero entendo que o bo exercicio do mesmo pasaría por un perfil moito máis baixo do que hoxe se lle presupón e mesmo esixe ao eido da política. Esta tería que servir, para min, máis como canle de toda a maxia que se produce desde as bases que como estamento estrela, porque en realidade a nosa andaina é, por riba de todo, un mar de historias humanas... E, nestes días de verán e de reencontros, de festa e de moita vida, cómpre lembrar o auténtico valor da nosa contorna, que é moito.........
