Outeiros sacros na paisaxe e para a paisanaxe galega
O Pindo, altar de Penafiel / Felipe Senén
Son fáciles de ollar, outeiros, altares, picos, faros, fachos... erguidos, apuntando ao ceo entre a foresta e os caprichosos penedos da paisaxe galega. E así aparecen naquelas pinturas de creadores que buscaron o espírito de Galiza. Os nosos sacred landscape, espazos aos que se lle outorgan valores sacros, espirituais, relixiosos e sobre os que se rousea certa aura mitolóxica. Noutrora orientando ao viaxeiro na incerteza da paisaxe, tan divulgados en culturas cos que Galiza comparte raiceiras panceltistas, o camiño do Atlántico, arqueoloxías e tradicións. E un cavila nos míticos Himalaias, no Ararat, no Sinaí, no Nemrut Dağı, como mesmo no Fuxi, no Ulurú e como non, nos máis achegados, como o Monsegur cátaro, Monserrat... e tantos, tamén de Galiza, algúns dos que falaremos abaixo. Montes aos que noutrora, en tempo de festa subían os fregueses en procesión, portando os seus estandartes e santos. Así se fai no Aquiana sobre o Val do Silencio en terras bercianas. E así o viu e contaba Otero Pedrayo como nas veciñas parroquias da súa Trasalba, pola banda de Punxín, Freas e Listanco, en ringleira, con canto e gaitas, camiñaban cara ao alto do monte do San Trocado.
Pico SaCro, capela do San Sebastián e paso da Raíña Lupa / Felipe Senén
Altares nos que recibiron cultos prerromanos, os que os mesmos romanos dirían celtas, a divindades indíxenas das que sabemos algúns nomes, moitas delas acuáticas, pois nos montes están as fontes dos ríos, como Edovius en relación con caldas, Salama, Navia, Coventina, a Reve das Burgas e do Castelo Cabeço das Fraguas, terras lusas do concello de Sabugal (A Guarda) documentando a suovetaurilia, o sacrificio do carneiro, o porco e o boi, como entre os penedos das Panoias, tamén no Vale de Nogueiras, da portuguesa Vila Real, a presencia de espazos para sacrificios ao deus Serapis (unha mestura das divindades, Osiris e Apis). Aínda que o que nos trae aquí son divindades indíxenas asociadas con montes significativos como Laroucus Candiedo, Saelemus, Tilenus, Susarrus, Dercetio, Tullonium, Lucus, Neme... que mesmo darán topónimo. Asumindo que os romanos, igual que fixeron con........
