As dúas caras da primavera: don Carnal e dona Coresma
Tanto o romántico escocés James George Frazer, especialista en mitoloxías e relixións ,como os tamén antropólogos, o vasco Julio Caro Baroja, bo coñecedor das tradicións galegas e o ourensán Vicente Risco, fan xirar o tema das festas primaverais arredor da dialéctica Entroido-Coresma, Heros-Tánatos. E vencerá a máscara, o patriarcal don Carnal.
Dende sempre houbo mascaradas para moitas outras festas, adubadas entre a troula, a policromía, cantos, músicas e danzas. Celebracións asociadas con ritos de iniciación e pasaxe para os máis novos, interpretacións máxico animistas, aínda comúns en pobos pouco metidos no consumismo. Rebelión, resistencia festiva pese a tantas censuras, as da cristiandade, as políticas... Un xeito de realizar á persoa e á sociedade, de experimentar, de espantar medos, de facilitar a algarabía e a catarse e desafiar á inevitable morte. Asuntos aprendidos e bebidos en Galiza por Picasso, como os tiña vivido e enxergado no Lalín natal, no bosque da súa mítica Romea, o pintor Laxeiro. E velaí autorretratado, identificado cunha máscara entre a cancela que do bulir erótico-festivo da vida dan entrada ás misteriosas sombras do Trasmundo. Dialéctica dos contrastes moi presente nunha arte galega que tende ao barroquismo de luz, sombras, cores...
Tempo do Entroido que significa remarcar, teatralizar xeneralidades como particularidades identificativas de cada bisbarra. Leiras, bromas, tradicións, simbolismos, moralidades ou desmoralidades. Onde o primitivo, a forza do instinto, a tradición, a creación son a roda que muiña entre a atracción da Terra, da natureza, alí onde se nutren as raiceiras do que o ser humano cultiva, esa cultura que tentamos empaquetar hoxe como unha mercancía. A orixe agraria, pastoril alimenta a árbore da cultura, asuntos dos que ben sabe e coida o montesío e céltico norte Ibérico, Euzkadi, Cantabria, Asturias e Galiza. De bosques onde o ser humano convive co oso, co lobo, coas bestas bravas monte que se representarán para saír a aguilloar á festa. Sitios que son cofre de tesouros etnoarqueolóxicos.
Longo período do........
