Aldraxe ás gárgolas de Compostela |
A compostelán Praza do Obradoiro, a mais de ser o corazón de Galiza é onde converxen os camiños da Vella Europa, cara á que se abre o Pórtico da Gloria, onde tamén inciden as olladas, as emocións e onde os guías se afanan en explicar a secuencia de estilos históricos: Románico, Gótico, Renacemento, Barroco, Neoclásico... E agora os esperpentos da contemporaneidade: as olladas crávanse aínda máis no coroamento, no voado do solemne edificio que foi para Hospital Real, nas dezaoito gárgolas aldraxadas, certo, sodomizadas con tubos de cobre de 70 cm, os que, na «Cidade onde a chuvia é arte» , dos paraugas, tentan apartar as augas dos paramentos e dos balcóns.
Grandioso edificio para hospital de peregrinos encargado polo humanista coengo Diego de Muros e amparado polos Reis Católicos, construción de 1492-1501, guiada polo mestre arquitecto toledano Enrique Egas, denotando o paso do Gótico a un Renacemento Plateresco, logo con intervencións barrocas en balcóns e enmarques de xanelas dirixida por Frei Tomás Alonso. Con fachada centrada por un gran arco de triunfo no que se fai apoloxía da caridade e dos monarcas que tanto montan. Conxunto labrado polos escultores franceses Martín de Blás e Guillén Colás. A mirada lévanos ao seu fantástico voado, pétreo festón labrado, coa súa cadea pétrea coutando a edificación e sobre a que asoman en fachada as gárgolas en cuestión, mesmo das que coñecemos o nome do seus canteiros escultores: os cántabros, posiblemente mestres trasmeranos Gonzalo Rei o Mozo e Pedro de Omoño. Nomes que, agora, ante o aldraxe cometido ás súas obras compre homenaxear. Entendendo que non é soamente un atentado visual, senón tamén á tradición, a canto significan eses símbolos, feos bechos, na cultura galega. Obra coidada polos seus creadores, dado o sitio, os seus promotores e o seu fin.
O antigo Hospital Real, un referente na Historia da Arquitectura
Son moitos os estudos que abondan sobre tal sobresaínte edificio, tal como........