Todos os trens levan á batalla de Austerlitz |
ADOITO comprar libros de segunda man. Teño poucos libros novos na casa. Os que non teñen páxinas dobradas nin están anotados nin teñen o lombo gastado son os que pido ás editoriais para comentar. Comprei en 2018 un exemplar de 'Días tranquilos en Clichy' de Henry Miller. Fora publicado en 1981 por Alfaguara na colección de tapas moradas e grises, sinxelas e bonitas. Un tal Jaime Forner comprouno o 5 de xuño ese ano e vendeuno a unha libraría de segunda man. Jaime Forner coñece ben París porque fai anotacións sobre a cidade. O apuntamento máis repetido rexistra, con misericordia, a fame que pasa o escritor.
Clichy é un barrio periférico de París no que o norteamericano Henry Miller viviu entre 1930 e 1934. Daquela anda escribindo 'Trópico de Cáncer'. Miller marchou da cidade e volveu en 1940. Estaba, de novo, sen un can. Un editor propónlle escribir unha novela erótica a un dólar a páxina; é dicir, podías xantar tres días nun restaurante popular. O asunto volve ser o mesmo: bares, prostíbulos, esmorgas, sexo. Todo contado con humor e hedonismo.
Acordei da obra de Miller lendo 'La bailarina' de Patrick Modiano (París, 1945) unha novela de hai tres anos que traduce agora Anagrama. O narrador lembra unha bailarina solteira que chegara a París co seu fillo pequeno, Serge, para abrirse camiño no esixente mundo da........