Tocoume a pedrea do Premio Nobel
Este ano acertei. Díxenlles aos amigos que sería Anne Carson. É máis probable que me toque a Bonoloto; pero escribin ese nome e foi. Nunca antes pasara, dificilmente volverá acontecer. Descoñezo se a Academia Sueca ten unha pedrea para os que nos adiantamos no prognóstico.
O xoves no que se anuncia o galardón, á unha da tarde, é a miña final da Champions League. Boto a véspera lendo prensa norteamericana e europea coas previsions; mesmo consulto a páxina de apostas Labrokes baixo esa lóxica bovina de que, se alguén mete cartos nun asunto tan marciano, non vai bromear. Logo de entrar descubrín que a web está bloqueada en España.
A prensa daba os nomes de Thomas Pynchon e Gerald Murnane. Pynchon xa lles digo eu que non había de ser porque vive coma un vampiro, agochado das luces públicas. Linlle ‘Maxon y Dixon’ (Tusquets), unha novela divertidísima sobre os dous enxeñeiros que trazaron a liña que divide catro estados de EEUU en 1767. A Murnane non o coñezo de nada.
Na prensa española postulouse a Enrique Vila Matas nese exercicio anual de voluntarismo patriótico. O catalán ten obra traducida ao sueco, 'conditio sine qua non'; pero dubido de que sexa suficientemente coñecido. Por outra banda, escribe literatura sobre literatura, entrégase á descuberta de autores.........
