De escritores, de riquezas e de fe |
Coido ben que todos/as os, sempre moi amables, lectores destas crónicas han de ter cumprida información: velaí que o pasado día 15 do mes que habitamos, e na cidade de Barcelona, deuse a coñecer o veredicto do premio Planeta: a novela vencedora veu ser La hora antes del alba, da autoría da moi coñecida escritora chilena Isabel Allende. O premio Planeta está dotado con 1.000.000€. Até aí a noticia; volveremos sobre ela parágrafos adiante.
Charles Dickens, Alexandre Dumas (pai), Mark Twain, Oscar Wilde... ou, máis próximos ao noso ámbito, Lope de Vega, Benito Pérez Galdós e Camilo Castelo Branco: todos eles gozaron nas súas traxectorias do éxito literario e chegaron mesmo a amasar importantes fortunas. Non obstante, mentres que os uns si que lles deixaron aos seus herdeiros un bo peto, os outros, ben polo contrario, pasaron á eternidade cargados de débedas cando non arruinados por completo. Sen irmos máis lonxe, ese vén ser o caso de Dumas (pai): Os tres mosqueteiros ou O conde de Montecristo forneceran de certo o seu creador de moi elevados ingresos; porén, a construción dun estrafalario palacio (o castelo de Monte-Cristo,........