Like a prayer |
Foi a do serán da sexta feira pasada, unha das previas máis bonitas da tempada, tanto pola tregua das frontes dos Azores que permitiron gozar das raiolas da tarde como, despois do triunfo con tanta autoridade en Montilivi, polas altas expectativas da afección celeste de que por fin sería posible gañar en Balaídos a un perigoso Madrid que chegaba con baixas e ansiedades. Entusiasmo celeste que subiu varios graos de temperatura no interior do estadio do Fragoso durante a extraordinaria actuación de Son de Seu, a orquestra folk de Galicia, cando interpretou a versión de «Like a prayer», preparada por Mat Amy e Anxo Pintos, rememorando aquela noite do 29 de xullo de 1990 na que Madonna actuou no palco de Balaídos e vestiu a camiseta do Celta co número 5 de Espinosa, un dos momentos estelares da historia do celtismo fotografados por Vitín de las Heras e por Cameselle, grande reporteiro gráfico do Faro de Vigo daqueles días do Vigo loitador e das penalidades da reconversión industrial e da «movida viguesa».
Lembrar á celtista Madonna obriga a facelo tamén con aquel Celta humilde de finais dos oitenta, capitaneado por Vicente, no que xogaban entre outras glorias celestes Atilano, Nacho, Jorge Otero, Pichi Lucas, Mosquera ou Lito. Equipo que na tempada 1989-1990 empatou a cero co Madrid........