Coma nos contos de Andersen |
Cada 2 de abril, en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen, celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil. O escritor romántico danés, debe a súa celebridade a impresionante colección de contos de fadas que escribiu, y que segue tan vixente na actualidade.
Cos contos de Andersen ocorre que de tan coñecidos e divulgados, acabaron integrados no acervo popular de tal maneira, que dá a sensación de que en ocasións se toman como contos tradicionais de autoría anónima. Mais o certo é que Andersen é o clásico por excelencia da literatura infantil. A raíña das neves, O parrulo feo, A sereíña… Contos de aparente sinxeleza, pero cosidos con ese material que fai brillar unha historia infantil: as capas de profundidade. Esas capas son, en realidade, a habilidade das historias de calar en crianzas e maiores, porque dentro de cada unha destas pezas literarias, teñamos a idade que teñamos, atopamos a descuberta, a marabilla e, nalgunha ocasión, unha carga satírica que se pode aplicar a situacións do presente. Cantas veces mencionamos O traxe novo do emperador porque atopamos un pararelismo na nosa contorna? Velaquí un dos grandes poderes das historias de Andersen. Escollo poderes en lugar de valores por desbotar a idea (errada) de que as historias infantís deben achegar unha aprendizaxe. O lugar natural da aprendizaxe é a escola. Tamén os libros de texto e de divulgación. Mais os libros infantís teñen unha única misión: facer gozar, que é o mesmo que facer voar. Un libro infantil planta unha semente. Dous libros, plantan dúas sementes. Cincuenta libros, plantan cen sementes. E, daquela, florece unha biblioteca dentro dunha casa e milleiros de portas á fantasía no público lector miúdo.
Os contos de Andersen desenvólvense en escenarios onde a fantasía forma parte natural da realidade. Igual que sucede nas vidas dos máis cativos. As súas historias abordan os grandes temas da humanidade: a loita entre o ben e o mal, o triunfo do amor sobre o odio... A veces, os seus personaxes están desvalidos. É aquí onde adoita aparecer unha figura fascinante: a fada madriña, que acude na axuda do protagonista para compensar a balanza ao seu favor.
Coma nos contos de Andersen
Este ano, o Día Internacional do Libro Infantil coincidiu en medio da Semana Santa, cos mostradores das pastelarías ateigados de ovos de chocolate e roscas de pascua. Gústame pensar que todas as madriñas do mundo son, no fondo, fadas madriñas. Coma as dos contos de Andersen. Esas figuras de referencia que aparecen cando más as necesitas e que semellan ter poderes máxicos.
A tradición de agasallar aos afillados e afilladas un doce pola Pascua, é un fío que nos conecta a través do alimento. No fondo, eses doces de pascua teñen certos poderes que bordean o máxico. Algo tan sinxelo coma compartir un ovo de chocolate, ou unha rosca, significa compartir tempo. E o tempo é do máis valioso que posuímos.
Cousa diferente é o que ocorreu na Rusa imperial de finais do XIX, cando o zar Alejandro III decide facerlle pola pascua un agasallo especial á súa esposa, a emperatriz María Fiódorovna. Quería unha peza que lle causase un gran impacto. Para iso, falou con Peter Carl Fabergé, xoieiro da corte. O resto da historia xa a coñecen.
Así naceu o primeiro ovo imperial, coñecido coma «ovo da galiña». Parecía sinxelo: unha casca branca imitando un ovo auténtico. Mais, ao abrilo, aparecía unha xema de ouro, dentro da que había unha pequena galiña. E, dentro desta, unha diminuta coroa imperial e tamén un colgante. Un xogo de capas, un mundo agochado dentro doutro mundo. Igual ca nos contos de Andersen.
Suscríbete para seguir leyendo