Seis anos confinados

Rúas de Vigo, baleiras durante o confinamento. / JOSE LORES / VIGO

A pandemia deixounos imaxes e sons inesquecibles. Os aplausos da veciñanza nos balcóns ás oito do serán para animar ao persoal sanitario, as colas nos supermercados, as rúas baleiras, os hospitais ateigados de doentes, os militares desinfectando as beirarrúas, a xente coa máscara posta nos traballos, os controis de temperatura nos aeroportos e estacións, as videochamadas coa familia e cos amigos… Agora que se cumpren seis anos desde que nos confinaron nos nosos fogares —si, hoxe, 15 de marzo—, supoño que cada quen terá o seu propio recordo daqueles días e meses de tolemia absoluta, de medo, pero tamén de esperanza e de descubrimento persoal. Houbo quen redescubriu o valor do tempo, quen aprendeu a convivir consigo mesmo e quen comprendeu ata que punto necesitaba aos demais.

Se tivese que elixir unha imaxe de todo o que nos trouxo a covid, téñoa clara. Foi aos poucos días de nos pechar na casa. A miña sogra, que é unha valente, non aguantaba máis sen ver a súa neta, que por aquel entón tiña uns oito mesiños, e unha mañá, saltándose as restricións, achegouse desde Nigrán a Sabarís para estar coa nena… a través da fiestra. Nunca esquecerei as cariñas das dúas, avoa e neta, chorando por non poder tocarse a través do cristal pero contentas, ao mesmo tempo, de poder verse. Aquela escena resumía perfectamente o que estabamos vivindo: a distancia obrigada e, ao mesmo tempo, a necesidade profunda de non perder o contacto humano. Foi duro, mais superámolo. Ou non?

Do confinamento lembro que todo o mundo dicía que iamos saír máis unidos como sociedade, mellores, aprendendo dos erros do pasado para forxar un futuro común. Durante semanas repetimos esa idea case como un mantra colectivo. Pero teño serias dúbidas de que isto sexa así. Tampouco digo que non aprendésemos nada —parvos non somos—, mais unidos? Mellores? Vai ser que non. O que aconteceu despois coa invasión de Ucraína, coa masacre en Gaza e agora coa guerra aberta sen cuartel en todo Oriente Próximo confírmao. O mundo non parece máis sensato nin máis solidario que antes. Nin máis unido nin necesariamente mellor.

E non quero nin imaxinar o que acontecería hoxe se comezase unha nova pandemia mundial no medio desta desfeita cara á que nos queren empurrar. Cos negacionistas e os antivacinas ocupando postos de poder en distintos lugares do planeta, desbotando os avances da ciencia como se retrocedésemos varios séculos, como se a razón e o coñecemento fosen inimigos e non ferramentas para salvar vidas. É o mundo ao revés.

E con todo, ás veces penso que aqueles meses tamén deixaron sementes que non deberiamos esquecer. Aprendemos que a vida pode cambiar dun día para outro —iso témolo clarísimo—, que a saúde e os afectos valen máis ca moitas das présas nas que viviamos. Descubrimos a importancia de coidarnos uns a outros, de chamar a quen estaba só, de compartir o que tiñamos cando faltaba, de preocuparnos polo veciño do quinto ou pola señora maior do portal.

Noticias relacionadas y más

Cinco años después, ¿estamos mejor preparados para una pandemia?

Coordinación de la intimidad

Quizais o mundo non saíse mellor da pandemia, pero dentro de cada casa, de cada barrio, de cada familia, si quedaron pequenas leccións de solidariedade, paciencia e humanidade. Tal vez a esperanza consista precisamente niso: en non esquecer aquelas cousas sinxelas que nos mantiveron en pé cando todo parecía deterse. Porque se fomos capaces de resistir separados detrás das fiestras, tamén deberiamos ser capaces de construír algo mellor agora que volvemos mirarnos de fronte. Abofé.

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web


© Faro de Vigo