Dos megaincendios ao lume controlado coa paisaxe mosaico

O lume é un fenómeno natural, non vai deixar de existir. Os grandes incendios, pola contra, son só causa da nosa necidade. Un cambio de paradigma territorial que aplique o modelo de paisaxe en mosaico conseguiría o seu adecuado control ademais de proporcionar un escenario para un futuro máis ecolóxico e economicamente sostible. A falta dunha imaxe mental que nos serva de guía, esta reportaxe que consiste de dúas partes, unha na que se explora a problemática e outra na que se afonda nas solucións, pretende ilustrar a través de cinco persoas entrevistadas ese futuro sen grandes lumes co fin de facilitarlle á poboación a unificación de esforzos cara un destino que beneficia a toda a comunidade.

A natureza, en condicións de cambio climático, vese, cada vez con máis frecuencia, afectada polo lume. Os incendios que tiveron lugar este 2025 foron os máis grandes da historia galega. Apareceron un día de vento e bochorno no que o avance das lapas era rápido, perigoso e difícil de apagar. Iso sumado á prominente continuidade do territorio forestal en Galicia ou Asturias fixo que, a pesar dos grandes esforzos dos equipos de extinción, só a choiva e a humidade os conseguise deter días despois. A solución semella enigmática, máis que un problema a resolver un misterio que descubrir. Porén o remedio xa existe, é complexo, si, require tempo e recursos; mais non é tan complicado como parece nun principio pois xa se está a aplicar con éxito en diferentes puntos do territorio español.

Para coñecer o estado do rural galego e indagar sobre o futuro que se pode construír, falamos con Emilio Díaz Varela (profesor de ordenación do territorio na USC), Mar Pérez Fra (economista especializada no ámbito da política agraria e profesora na USC), Isabel Villalba Seivane (secretaria xeral de SLG), Sandra Otero (enxeñeira forestal na empresa privada) e Lourenzo F. Prieto (catedrático de historia contemporánea da USC ). Todos eles non só levan anos concienciados da problemática que supoñen os incendios tanto a nivel ecolóxico como social, senón que traballan activamente para darlle solución.

“Cal foi o motivo dos incendios?”, pregúntase Sandra, “as noticias culpan aos tractoristas”. Esta enxeñeira forestal sabe que a pesar de haber accidentes, non todo o lume o é. Aínda no caso dun accidente “de estar ben xestionado o monte non ardería máis de dúas, tres ou catro hectáreas”, explica, “cando son 50000 hectáreas, que foi?”.

A paisaxe mosaico é un modelo de desenvolvemento territorial que ten como obxectivo mitigar o risco de incendios a través da creación de parcelas de cultivo, zonas de pastoreo e explotacións forestais sostibles. O obxectivo é construír cortalumes produtivos que, ademais de deter as lapas, xeren riqueza e emprego locais.

Tras a vaga de lumes de 2017, foille encargado ao persoal docente e investigador da Universidade de Santiago un documento no que debían describir unha nova política para o rural galego. A evidencia científica asegura que “as condicións edafo-climáticas de Galicia [do solo e o clima] permiten o aproveitamento doutras especies arbóreas, moitas delas produtoras de madeiras de calidade, que xunto á gandería extensiva e ás producións non madeireiras poderían sustentar unha actividade económica diversificada e menos dependente dun só tipo de mercado, o da madeira de piñeiro e eucalipto”.

Por desgraza, este documento foi ignorado e os cambios necesarios non foron aplicados polo goberno así que para poder imaxinar con detalles o aspecto que tería o rural galego e a súa sociedade se este consello se levase a cabo, botamos man das nosas entrevistadas. Mar cóntanos que “este rural potencial pareceríase moito á paisaxe mosaico” e continúa “antes o territorio era principalmente agrario, non era arborado”.

“A imaxe dunha paisaxe en mosaico témola no pasado de hai sesenta ou setenta anos”, explica Lourenzo, historiador, “aínda que non se trata de volver facer as cousas como daquela”. Lourenzo dinos que nos podemos inspirar na distribución territorial anterior ás concentracións parcelaria e forestal. “Temos que romper coa inercia da arborización”, insiste, “lévase desde 1940 facendo concentración forestal para saciar unha produción de papel considerada importante pola ditadura de Franco o que significa que o monte se transformou por procesos de enxeñería social armada, non houbo unha evolución natural,” e continúa, “ese mosaico de hai máis de medio século construíuse durante miles de anos, non foi algo casual como acostumamos a pensar; a industrialización agresiva e invasiva destas últimas décadas pode reverterse”.

Mar critica que a agricultura das últimas décadas era moi intensiva “e non vai volver”. Dende a súa perspectiva de economista considera que Galicia ten espazo para ter un sistema diverso de produción agroforestal con “espazos para pastos aproveitados polo gando co consecuente descenso no custo de produción, menos dependentes de insumos do exterior (millo e soia)”, é dicir, “ unha desintensificación da produción gandeira”. Se pretendemos ter un territorio sostible e resistente a grandes incendios, daquela “a produción forestal e a gandería teñen que ir da man”, afirma Mar, “o gando é necesario para o control da masa”. Esta economista considera que o “eucalipto é unha forma de abandono” e que pola contra “precisamos........

© El Salto