Primeiro foi Paco Martín, premio nacional de literatura infantil e xuvenil no ano 1986: Das cousas de Ramón Lamote. Logo viñeron Xavier P. Docampo (1995), Fina Casalderrey (1996), Agustín Fernández Paz (2008), Ledicia Costas (2015) e o que cerra a serie ata o momento: Antonio García Teijeiro (2017). O editor Manuel Bragado púxolles marca: a «xeración Lamote», porque o libro de Paco Martín abriu camiño e, en certa maneira, todos se sentiron continuadores, ademais de amigos: unha irmandade que ningún deles disimula.

O pasado 5 de abril lembramos a Xavier P. Docampo na Coruña, nunha iniciativa que quere viaxar cada ano polas principais cidades galegas (Polavila Docampo), e alí estaban os seus amigos, compañeiros e compañeiras de xeración, mesmo na memoria dos que xa marcharon (Agustín Fernández Paz), pero que seguen connosco, porque mentres dura a memoria a vida continúa.

Un dos feitos máis sobranceiros das letras galegas nas derradeiras décadas é sen dúbida a eclosión da literatura infantil e xuvenil (LIX), a partir do ano 1980 sobre todo, coa incorporación da lingua galega ao sistema educativo non universitario: primeiros lectores e lectores adolescentes. A existencia, por primeira vez na nosa historia, dun territorio específico para o desenvolvemento da lectura (un mercado) foi estímulo necesario para creadores, editores, ilustradores, tradutores e profesionais do ensino, que se atoparon cunha demanda obxectiva e un espazo de crecemento. Os resultados non poden ser máis brillantes.

Deberiamos reflexionar sobre isto. A creación, o desenvolvemento cultural e mesmo o consumo da lingua necesita espazos estables de produción, un ecosistema de relacións que vai dende os creadores aos consumidores pasando por intermediarios, plataformas de exhibición, estratexias de márketing, promoción, crítica, difusión e retorno económico. Digo ben: retorno económico (industria), para que a realidade non sexa un acto voluntarista que se esgota en si mesmo, senón unha relación en constante estado de renovación. O que implica unha política estratéxica para novas propostas, novas empresas e, por suposto, novos públicos.

Velaquí as bases necesarias para unha nova política cultural. Citei os premios nacionais de LIX para salientar a calidade obxectiva dos nosos autores e autoras. Afortunadamente, non son os únicos. Poucos sectores con tan rico crecemento e recoñecemento. Poucos levan sementado con tanta intelixencia e teimosía a construción do futuro, porque sen público (sen lectores) non hai futuro. Traballar para crear ou fortalecer lectores é fundamental, igual que necesitamos espectadores (no audiovisual, nas artes escénicas, na música), reforzando unha trama industrial, empresarial e profesional que terme do edificio e mesmo o faga crecer. Agora que entramos nunha nova etapa política, se cadra, conviña considerar o salto cualitativo que necesitamos.

QOSHE - Para unha nova xeira - Víctor F. Freixanes
menu_open
Columnists Actual . Favourites . Archive
We use cookies to provide some features and experiences in QOSHE

More information  .  Close
Aa Aa Aa
- A +

Para unha nova xeira

4 0
14.04.2024

Primeiro foi Paco Martín, premio nacional de literatura infantil e xuvenil no ano 1986: Das cousas de Ramón Lamote. Logo viñeron Xavier P. Docampo (1995), Fina Casalderrey (1996), Agustín Fernández Paz (2008), Ledicia Costas (2015) e o que cerra a serie ata o momento: Antonio García Teijeiro (2017). O editor Manuel Bragado púxolles marca: a «xeración Lamote», porque o libro de Paco Martín abriu camiño e, en certa maneira, todos se sentiron continuadores, ademais de amigos: unha irmandade que ningún deles disimula.

O pasado 5 de abril lembramos a Xavier P. Docampo na Coruña, nunha iniciativa que quere viaxar cada ano polas principais cidades galegas (Polavila Docampo), e alí estaban os seus........

© La Voz de Galicia


Get it on Google Play